Ambrosio. Preséntovos a Ambrosio, a Ambrosio
Rodríguez (nome autético, apelido presunto), o “alemán”, que
así lle chamamos os veciños. Ambrosio é rubio, de estatura media,
boa presenza, boas formas no trato, pouca formación, pensamento
primario.
Ambrosio é ourensán, de Nogueira de Ramuínde,
onde os Baltar, desde o ano
cataplún, exercen mando en praza. De rapazote, tralo servizo militar
obrigatorio, fora probar fortuna a Barcelona; pero é logo, de
casado, cando el e a súa dona deciden emprender a aventura de iren
os dous traballar a Alemaña.
Os
primeiros tempos alí, por dicilo abreviado, son durísimos:
Ambrosio habita un barracón comunitario de homes e Matilde comparte
un habitáculo (tamén de madeira) pensado só para mulleres; non
hai, polo tanto, vida de parella, pois están sometidos a estrítas
normas de inspiración economicista, espartanas. Superada a devandita
proba, ao cabo duns dous anos daquela escravitude, acceden a un
mellor status con contratos de traballo máis flexibles e máis
coherentes coa dignidade humana.
Témolos,
de volta, agora, aquí, en Vigo, radicados na rúa Ponte da Veiga,
pensionistas cun nivel de ingresos envexado por moitos. No país
teutón deixaron ao fillo maior, afable, unha monada de rapaz, aros
nas orellas, pelo pintado coas cores do arco iris que, de cando en
vez, os visita e comprace, sempre acompañado dun amigo especial e
moi ben parecido. A nena (porque teñen unha filla), unha xove
romántica (de psiquiátrico o seu namoramento), para nada estudosa,
está enganchada a un mozo maltratador, segundo el me confesa.
Ao
meu veciño Ambrosio, sen embargo, véxoo moito máis preocupado polo
fluxo migratorio de “sudacas e negros” e polas liberdades sexuais
entre os do mesmo sexo que pola propia vida: “Esta xente de fóra
-coméntame- veñen onda nós para se aproveitaren do noso
sacrificio”. “E que dicir deses gays e desas lesbianas que, por
enriba de seren como son, esixen dereitos e liberdades que Franco
endexamais tería tolerado”?
Pois nada, replico para min, despois de ter
recuperado o alento: non estou preparado; por unha banda, ti,
Ambrosio, xa ves e, pola outra, que queres que che diga?
(Rioderradeiro)
No hay comentarios:
Publicar un comentario