OUTORGAMENTO DO GALARDÓN “MEDALLA DA VILA DE MUROS” A D. MARCELINO GARCIA LARIÑO.
O regulamento de honras e galardóns deste Concello instituiu o galardón “Medalla da Vila de Muros” coa finalidade de premiar a aquelas persoas ou entidades que polos seus méritos acadasen un prestixio social excepcional no eido en que desenvolven as súas actividades e que polo especial vencellamento que os une co noso municipio contribuíron a mellora-la súa imaxe e a divulga-lo seu coñecemento.
Estes méritos conxúganse na figura de D.Marcelino García Lariño. E, entre outros, polos seguintes motivos:
- Por ter impulsado e participado de maneira brillante en canta actividade cultural fora desenrolada a prol do noso municipio.
- Pola súa laboura desinteresada e incondicional de animador, cronista e albacea do acervo común. Polas súas aportacións etnolóxicas e etnográficas revitalizadoras da nosa toponimia.
- Por ser memoria viva do anecdotario vilego con máis de oitenta anos ás costas.
- Pola súa meritoria obra lírica, humorística e narrativa coñecida a través dos títulos publicados e de unha abondosa obra aínda inédita. Que toca sempre a fibra máis sensible da muradanía coa variña máxica da palabra precisa.
- Por ser unha persoa de acervo transversal a quen uns e outros respetamos, apreciamos, escoitamos e queremos.
- Por ter acreditado ao longo da súa vida adulta un indiscutible e acendrado amor a Muros e ao seu entorno. Porque certamente o merece. E porque coa súa honra engrandecemos ao Concello, que desta maneira queda tamén honrado.
Polo exposto, propoño outorgarlle a D.Marcelino García Lariño a concesión do galardón “Medalla da vila de Muros”.
Muros, 12 de abril de 2011.
O Alcalde,
Domingos Dosil Cubelo.
1 comentario:
Manuel María, aproveito este espacio para comentarche que aínda non me deron a copia da filmación da charla informativa sobre o cultivo do salmón, do outro día. Polo tanto, pídoche desculpas pola tardanza.
Supoño que nos veremos na entrega da Medalla a Marselo da Rabela. Mentras tanto, unha aperta de DOMINGO GUERRA
Publicar un comentario