domingo, 29 de mayo de 2011

Marcelino García recibiu a insignia da vila de Muros
J.?M. Sande Muros / La Voz
 

 O muradán Marcelino García Lariño recibiu onte a Medalla da Vila de Muros, distinción coa que o pleno da corporación lle agradece o labor realizado durante os seus máis de oitenta anos de vida a prol da vila e a súa cultura. O homenaxeado agradeceu con emoción este recoñecemento, á vez que volveu a amosar o amor polo pobo no que naceu e viviu e que, segundo dixo, perdurará aínda despois de morto.

O presidente da Asociación Cultural Sorum, Domingos Guerra, exerceu como mestre de cerimonias no acto, celebrado no salón de plenos, e destacou os méritos que fan ao agasallado merecedor da insignia. Ademais, lembrou que o acordo do pleno da corporación para outorgar a Marcelino García a máxima distinción do Concello foi unánime.
Domingos Guerra, ademais de recoñecer o labor cultural do distinguido e a súa constante preocupación pola salvagarda das costumes, tradicións, etnografía e formas de vida dos habitantes do concello, tamén leu algúns fragmentos do seu libro Anaquiños da vila, no que o autor afirma: «As vilas fanse ós anaquiños. Nós, todos nós, anque non o coidemos, somos tamén cachiños desa vila».
Pola súa banda, o alcalde en funcións, Domingos Dosil, lembrou as moitas conversas mantidas co homenaxeado, e a súa constante preocupación polo porvir das xentes da súa vila. O rexedor tamén dixo: «Chegada a hora de despedirme das miñas tarefas no Concello, ningún acto serve mellor que este para pechar unha etapa da miña vida dedicada a tarefas municipais».
Despois de recibir a medalla, Marcelino García, cheo dunha grande emoción, dirixiuse ao numeroso público que asistiu ao acto, así como aos políticos presentes, agradecendo esta distinción e destacando que, se algo se pode lembrar del, é o interese que sempre puxo en pór de relevo as grandes condicións e características do seu pobo e das súas xentes.

(Familia de Marcelo García)



1.         Recepción do homenaxeado
Ás 12:35 horas (aproximadamente), chegou D. Marcelino García Lariño, acompañado dos seus familiares máis próximos ás proximidades da Casa do Concello de Muros.
Foi recibido polo Mestre de Cerimonia (Domingo Guerra París), quen o levou ao Salón de Plenos, para que saudara ao Sr. Alcalde, D. Domingos Dosil Cubelo.
2.         Presentación do Acto por Domingo Guerra
O Acto comezou sobre as 13:00 horas, logo do oportuno tempo de cortesía para que se acomodasen os invitados.
Domingo Guerra, leu o seu Discurso de benvida e de presentación do homenaxeado, onde relatou os méritos que figuran na proposta de outorgamento da Medalla. Este discurso finalizou indicando o seguinte:
“O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Muros, en sesión celebrada o pasado día 28 de abril de 2011, acordou, por unanimidade, a concesión da Medalla da Vila de Muros a D. Marcelino García Lariño, que será imposta polo Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Muros, a continuación”.
3.         Entrega da Medalla e do Certificado do Pleno polo Sr. Alcalde, que dirá unhas palabras
O Sr. Alcalde-Presidente do Concello de Muros, D. Domingos Dosil Cubelo, impuxo a Medalla e fixo entrega do Certificado do Acordo do Pleno da Corporación Municipal no que se concedeu o galardón.
4.         Resposta de D. Marcelino García Lariño agradecendo o outorgamento da Medalla
D. Marcelino García Lariño, leu o seu discurso.
5.         Peche do Acto a cargo de Domingo Guerra cunhas brevísimas palabras de despedida.

Muros, a 26 de maio de 2011.








UNHAS  VERBAS  DE  AGRADECEMENTO
(de Don Marcelino García Lariño)


Vaia para todos o meu máis espontáneo, auténtico, leal e verdadeiro agradecemento. Para os que hoxe aquí asistides, e tamén para os moitos que me chamaron para dicirme que a súas obrigas, os seus traballos, impedíanlle facelo.
Pero dun xeito moi especial e moi superior, para os señores ediles, que todos eles, sen excepción, dignáronse outorgáronme este recoñecemento, este galardón, este premio que é, nada máis e nada menos, que  A  MEDALLA. DE    MUROS.
Como non podo expresarme, como quixera, debido á canseira que teño por mor da doenza que padezo, do que vostedes xa se estarán decatando, reitérolles, miñas donas e meus señores,  unha vez máis e de corazón, a miña total e profunda gratitude por este inmerecido agasallo, maiormente a don Mingos Dosil Cubelo, rexedor deste Concello, sen outro motivo especial que non sexa o de “nobreza obriga” por ser o promotor de que se me concedera a MEDALLA DA VILA DE  MUROS. Para el o meu máis profundo e sempiterno agradecemento.
E para Muros dicirlle o que outrora lle dixen: 

                                                       Ó  MEU  MUROS


Quérote, Muros, de día,

Quérote, Muros, de noite,

Na tristura, na alegría,

Na mala e na boa sorte.

Quérote con tolería,

E hoxe un pouco máis que onte;

Quererte a ti é teimosía

Porque te quixen decote.

Querereite mentres viva,

E aínda... despois da morte.

Marcelino García Lariño

No hay comentarios: