sábado, 15 de septiembre de 2012

Rioderradeiro rende HOMENAXE A DOMINGOS DOSIL CUBELO.

Benquerida familia, moi prezados amigos e compatriotas, miñas donas e meus señores:

 

DOMINGOS DOSIL CUBELO: IN MEMORIAM

________________________________
  

A flor do corpo murchou,
quen tan firme florecera
non deixou de ser quen era
cando en mudanza marchou.

  Con dignidade e grandeza
terra barbeita labrara,
con coraxe recalcara
que está o valor na cabeza.

  Paradigma en decisión,
exemplo de gallardía,
tivo cabal corazón;

  El con constancia atopou
valor na minusvalía,
e abordou soberanía,

  que polo Bloque acadou,
desde a cadeira, a Alcaldía.


  O motivo de estarmos aquí, hoxe, congregados, obedece a unha causa e a un sentimento compartidos. Todos, como amigos de DOMINGOS DOSIL CUBELO, experimentamos a necesidade de expresar admiración pola súa persoa e pola súa obra que, por imperativo do guión, a cada conferenciante só lle toca glosar parcialmente. Sen embargo, imposible non aludir, de pasada, ao conxunto, para salientar o nexo que nos convoca e nos concita.

  Uns antes, outros despois, chegamos a frecuentar o trato de DOMINGOS DOSIL, a coñecelo, a admiralo e a querelo; porque el, certamente,  facíase respectar, pero tamén querer. Niso, precisamente, na querencia,  vou tratar de centrarme.

… Falo eu, non porque sexa o máis indicado, senón en nome de tódolos presentes. A todos pretendo incluír e representar nas palabras de honra. Chegado a este punto, permitídeme singularizar a Emilio Vilar Ramos (MILUCHO), a quen, en estricta xustiza, lle correspondería dirixirse a vós con mellores argumentos.  A súa invencible timidez  e a súa emotividade a flor de pel derivaron en min esta responsabilidade.

  Coñecín a DOMINGOS DOSIL CUBELO, de neno, de cando viña, pola Carretera de Arriba, aos recados á vila. Logo, a miña adolescencia e primeira mocidade transcurriron fóra da bisbarra e non volvín a saber DEL ata que foi protagonista dunha mala noticia.

  Fago un salto cronolóxico para acadar o tramo final dos anos 70; entón tomei contacto firme con DOMINGOS por mor de atraelo á causa do nacionalismo. Daquela, ao abeiro dunha relación de tardes e seráns, xurdiu esa confianza e esa amizade (de seguro, semellante á vosa) que prenden e xermolan en terreo fecundo. Os primeiros comunicados onde daba a coñecer os seus proxectos asociativos foron obra común; el poñía a intelixencia e as ideas e a min tocábame a parte mecánica e a formal da letra e da literatura. 

  Traio a conto estes datos co propósito de destacar como unha persoa afastada do mundo, cunha vida de reclusión forzosa -porque a sociedade non conta con el para cousa ninguna-, avocado a unha resignación perpetua, rompe os convencionalismos , busca e atopa unha saída. Depois viría a obra titánica que tanto nos asombra e nos enche de orgullo.

  Pero volvo ao principio e quédome co amigo, amigo con maiúsculas. DOMINGOS DOSIL CUBELO foi un amigo leal, firme, coherente, xeneroso, con un sentido ético e estético da amizade que non eludía ningún compromiso. Estaba feito dunha soa peza, tiña carácter, tiña unha vontade de ferro, non se encollía fronte a  problemas e dificultades. Non o podemos esquecer, ligado como está xa para sempre o noso sentimento ao seu  comportamento. E así, co voso permiso, me atrevo a proclamalo.

  O meu reloxo enterrompe o seu curso no punto e hora do solpor, nas Paxareiras, fronte ao Mar Maior e ao Cabo Fisterra (alá polo 25 de xullo do 2010), á volta de Santiago, cando Ti, Domingos Dosil Cubelo, Milucho e quen rescata da ensoñación vivida a estampa dun intre que foi tempo importante…, os tres, estantíos, a contemplar o OCASO  e a despedir aquel DÍA da PATRIA magnífico. Atrás quedaban a manifestación patriótica, o calor humano da Praza da Quintana, o xantar na Carballeira e o teu desafío de comparecencia (con pancartas e bandeiras do Bloque) no feudo institucional (do PP) xunteiro de repartir medallas. Atrás quedaba o policía pallaso que pretendiu inútilmente obstaculizarnos a entrada ao recinto feiral onde se movía sen tales impedimentos a numerosa prole traxeada de agasallantes e agasallados (do país dos ananos). Pero a ti, amigo Domingo( coa acreditación de invitado no peto) calquera te detiña, non te deixabas intimidar e abríaste paso con señorío, con arte, con autoridade, cunha forza incrible. E nós (na retagarda) admirados e pampos,  satisfeitos de ser os teus escoltas, de garda pretoriana.

  Cambio de terzo. Achégome ao presente.  O meu reloxo está parado, agora, na túa casa -tarde-serán da premonitoria despedida-, escasos días antes do teu derradeiro ingreso hospitalario e do teu pasamento. O trío (mosqueteiro) anda a divagar, apaixoadamente,  do divino e do humano coa colaboración parcial da botella de Chivas.

  Permitídeme, benqueridos amigos, que preserve o seu contido, tan só por delicadeza, para non profanar o texto e contexto do sumario, que ha manterse así, tal cal, secreto, sen engadir punto nin coma.



 Fora o silencio testigo
dun pensamento que atara,
foras ti sempre ese abrigo
de arroupamento sen tara.

  Se puider ser, meu amigo,
terte outra vez cara a cara,
volverte a ver rescatara
a fe que se foi contigo.

  Falou febreiro co frío,
escribiu de présa o drama,
desenrolou desvarío

  no teu corpo a mala trama,
a febre apagouna o río
que en vendo mar te derrama.




  A vida ofrécenos, por fortuna, aínda a nós a ocasión de lembrar e honrar, nese amigo ausente da existencia, a unha persoa auténtica, humilde, próxima, patrimonio común da muradanía, cuio maior mérito reside na superación e no traballo constantes a prol dos disminuídos da bisbarra e de Galiza enteira …


  Obendientes ás leis inexorables da natureza, foi chegado o momento dos adeuses. Quen, de momento, continúa despide e aplaude a quen parte (partiu), cargado de merecementos, rumbo ao alén, ao eido do absoluto, ese plano da realidade definitiva. Os amigos choramos aos amigos. A loita pola vida prosegue noutras mans, noutras mentes, noutras esperanzas en novas rebeldías. 





Xa te alcanzou, amigo, en mala hora,
precisión de reloxo en dura espada;
xa te feriu a morte en alancada
que se abalanza e se alza en vencedora.

De milicia, no alén, andas agora,
ergueito e ben lanzal, en cabalgada;
cobexa, capitán, a labarada
da febre de vencer que nos devora.

Cando tocou vivir deches a talla,
cando tocou sufrir fuches, sedento,
beber do manacial do propio alento

para afrontar mellor outra batalla.
¡Eis DOMINGOS DOSIL, brasón, medalla
da tarefa común con fundamento!

¡Como doe a traizón!; ¡canta pantalla
profana branca-azul no pensamento!

(Rioderradeiro)


No hay comentarios: