jueves, 3 de septiembre de 2020

Desde a ATALAIA (Campo de Cortes),



- Desde a ATALAIA (Campo de Cortes), desde o cume, como o seu nome proclama, alcanzo a derramar a mirada sobre A Cova, sobre a parte máis substancial da Ría de Muros, sobre o Barbanza (telón de fondo, desde Noia, desde Lousame a Corrubedo), sobre a península de Monte Louro (á dereita), que vixía e controla a fartura de mar, o mar maior na súa plenitude.
Cando, arestora, desde aquí, contemplo con degoiro a gloria da paisaxe, penso naquel amigo (finado xa) que emocionadamente me falara do penedo onde, neno el, adolescente el, na recén inaugurada mocidade el, sentaba a deseñar, a imaxinar, o seu futuro de camiñante libre, a voar polo mundo. O infortunio, sen embargo, puxo no seu camiño aqueles atrancos e limitacións que fixeron imposible volver fisicamente ao lugar preferido para reactivalos.
Poño, pois, os meus ollos, é un dicir, á súa disposición, miro por el e trato de substituilo, na procura dun tempo, en por si, seino moi ben, irrecuperable. Pero así é a vida: recordar e soñar, e no medio, o presente continuo, conformado por intres sucesivos, volátiles, fuxidíos; porque o presente, benqueridos amigos e amigas, é un hiato entre o foi e o será, coma quen dis, entre a memoria e a imaxinación que constrúe castelos sobre area.

(Rioderradeiro)

No hay comentarios: