martes, 15 de septiembre de 2020

NA ESCOLA DAS GHATADAS (a señora JUANA...)



  Imaxe poderosa? Si. A daquel cagadeiro de táboas realzado, coma un trono, na tarima da esquerda, a escasas dez cuartas do chan, que non era completamente chan, senón un sucedáneo de toxos, de xestas, de batume... pensado para fozar e para dormir o porco, e deixar paso libre ás galiñas. Aí, foi aí onde lle vin as cachas (e o cu) a Micaela. Non o busquei; cadroume; ía botar unha mexada na corte e, misterios do azar, coincidimos: ela, coa súa necesidade perentoria, ignorante de min, xa ela se me adiantara e andaba ben metida (e a fondo) na faena, e eu, que chego e que me poño a derramar a eito e que a vexo de esguello, e que aproveito a visión panorámica para coller cultura. O momento quédame incorporado para o resto da vida.


  Na escola das GHATADAS tiñamos dúas mestras polo prezo dunha, pero a oficial, a señora Juana, entre segrar e monxa, entre muller e un ser insípido, de escaiola, era quen mandaba e, decote, impartía as clases de silabario, e impuña disciplina, e daquela maneira. A señora Águeda, a irmá, pola contra, ofrecía o contraste liberal, compracente, pola outra cara da mesma moeda: policía malo / policía bo. A señora Juana (volvo á señora Juana) practicaba unha relixión de secaño, rigorosa, sobrecargada de rezos e de xaculatorias, e sempre andaba queixosa e moi necesitada de calor humano, que os nenos e nenas, axeonllados debaixo da mesa profesoral, lle proporcionaban, por quendas, nos pés (fríos!!!), ata quecerllos ou que lle pasase a súa dor de cabeza, por conviviren os dous males asociados.


  Outra estampa? A do patio. E no patio, a merda de ghaliña, polos catro puntos cardinais, na parte cimentada e na parte sen cimentar, por todo. Tiñan as GHATADAS unha ducia e pico de ghaliñas (algunhas que lles din franciscanas) defecantes a tempo completo. Quen recollía, quen limpaba, quen? Nós, nós relizabamos esa tarefa, sen vir especificada no noso contrato discente, e o solo habería quedar inmaculado, coma unha patena. Os cativos (e as cativas) de tres, catro, cinco, seis (raros os de seis) non se saben negar e, se non os malician desde fóra, toman estas cousas en broma, en plan xogo, unha especie de recreación que non lles cansa, por ser tan diferente.


  Na aula, unha habitación, se non me lembro mal, de tres ventás, seremos sobre vinte. A señora Juana controlábanos coa vista, coa palabra e, en casos considerados extremos, coa vara. Ela sabíache moi ben o que facía: aprendíanos a nos ver a nós mesmos tal como ela nos vía: aos "ricos", de "ricos"; aos de "medio pelo", de "medio pelo", e aos do "cu rachado", da pouquiña cousa que en realidade éramos; porque así nos correpondía. 


  "A ver, quen se atreve a falar, hoxe, do mar, do grande que é, do perigoso que é, e das súas grandísimas riquezas? A ver, quen?"

  "Eu!!!"

  "Ah, ti???"

  "Eu, si, eu, porque o mar é noso."

  "É voso!?, madia leva, conque voso, eh!, quen volo dera!!!" 

  "Si, señora, é noso, do meu pai, e o Lagho de Louro é dos Ghrelos."

A reprimenda, a argumentación da profe na miña contra, escúsovos dicir, contou coa total aquiescencia dos meus condiscípulos e amigos; pero non me convenciu nin me venciu e, en chegando á casa, miña nai recuperoume da humillación e restaurou o meu ego.


  Non escarmentei. "Toca falar dos cartos, do seu valor, de para que serven, que é o que se pode e se debe facer con eles"- propuxo a señora Juana.

  "Pepiño, tés visto algunha vez un billete de dez pesos?" "Si, señora." "E de vinte?" "Non, non os vin polo de agora." "Os que andan polo mundo téñenos visto." "Os de 1000 pesetas, eses si que son raros, nin tan sequera haberá un en Louro. E, se o hai, terao Curuto, Xulio ou Xan de Benita, que veu rico dos Estados Unidos; pero, aínda así, non o creo".

  "Pois nós..., nós témolo, temos, polo menos, un de 1000 e dous de 500, que llos vin meter a miña nai dentro das pastas dun libro, EL AVIÓN DE LA SANGRE."


  Á señora Juana esgotóuselle a paciencia comigo: mandoume calar e chamounos (a meu pai, a miña nai, á nosa familia ao completo) "miserables", "cheirentos", e outras delicadezas.


  Daquela, miña nai, despois de tratar pola noite o caso con meu pai e coa miña avoa, á primeira hora da mañá seguinte, foilles pagar o mes as GHATADAS e trouxo o meu banco de estudar de volta para a casa. Empecei ao día seguinte nas EDUARDINAS, que viñeran de Bilbao falando castellano e abriran parvulario na Fonte do Campo, a trinta metros da casa dos do Aleghre, antes da Lavandeira. Elas, as Eduardinas expropiáronme unha navalliña, coma se se perdese. Tampouco traguei. Pero é outra historia.


  (Rioderradeiro) 


miércoles, 9 de septiembre de 2020

O CURA CALDEIRADA.

        


       

   - Pepiño, e esa mancadela na cachola?

   - Nada, non foi nada, dous fighos que lle arrinquei da figheira parroquial e vén o Caldeirada por detrás ás pedradas comigho.

  - Como, por dous fighos?; condenado de cura, ata mala centella o parta! Eso non se fai, e con menos razón aínda un home de Deus, que debería, como pide o Evanxeo,  levarse ben cos nenos.

  - Si, mamá, a ese cabrón heino esperar eu cun pau no escuro e tamén lle hei dar unha bo coiazo na croa.

  - Pecadento..., na croa do Noso Señor Xesucristo!, ai, ai..!, onde imos parar!, direitiño para o inferno.


  Ata onde a memoria me alcanza, algúns curas de Louro, por un ou por outro motivo, deixaron pegada fonda, en branco e en negro (desde logo, consonte cos respectivos tempos) nos historia da parroquia. A algúns coñecinos e, en certo modo, trateinos, como tratan os nenos a quen consideran xerarquicamente por enriba deles. A don Santiago Bello, home accesible, de natureza bondadosa, cando nos deixou, boteino moito de menos. A don Alejandro, (Alejandro Tarrío, do Freixo, creo recordar), un místico, deixeino eu, pois ausenteime do lugar media ducia de anos e, á volta, xa atopei a súa praza ocupada; don Alejandro intentara (e puxo moito empeño) cambiar a fórmula habitual de saúdo á nosa veciñanza; no canto de "bos días", "boas tardes", "boas noites", el quería impor e xeneralizar un "Ave María Purísima" que o cubriría a satisfacción todos os compartimentos da xornada. De Molinos (don Manuel Molinos) vou falar pouco, porque foi un fenómeno complexo e non encarrilaría ben as palabras para describilo, non sería eu quen de lle facer xustiza; era, eso si, polémico, por non dicir atípico, desde logo que o era, e aí deixo a cousa. Houbo máis, coas súas correspondentes particularidades; pero non me interesan.


   Bautizárame, segundo teño entendido, un tal Lourido (don Manuel Lourido, da Serra de Outes), un tipo fachendoso, forte, franquista el, autoritario el, temido el, inquisidor el (falo de oídas); porque, tralo Golpe de Estado (do 36), acadara aquel poder de firma capaz de definir a túa conducta "moral e política", ... e, ao parecer, nos seus certificados, ás veces, manexaba a hipérboles que te poderían meter en serios problemas.  Iso escoiteino máis dunha vez, e viña dunha fonte confiable e ben limpa. Menos mal que non se eternizou onda nós, pois ascendeu, por méritos, no escalafón diocesano e foi parar á Pastoriza, cerquiña da capital da provincia, onde, a non moi tardar, Franco madaría facer un encoro. 


   Pero quen, en verdade, máis me interesa é o Cura CALDEIRADA. Pobre criatura! Pobre home! Que triste signo o deste crego! E aquel cabalo seu, ceibo, coma se non tivese dono, a pacer, no campo santo de Vilares, por entre as sepulturas. Na década dos vinte aos trinta e algo (antes do inefable Lourido de infeliz recordación), cóubolle o infortunio de ser enviado á parroquia de Santiago de Louro a don Ramón Rodríguez, da bisbarra de Noia, o Cura Caldeirada. Tempos revoltos aqueles: crise do 29, carestía de vida, descontento, fame, desesperación, protestas. Sendo, como era, pusilánime, pouquiña cousa, coma un rato no río, e de estar, como estaba, mal dotado para as mañas de convencer e para impor disciplina ao abeiro do dereito canónico, os fieis tampouco o tomaban en serio:  - Rapariga, por favor, diraslle a túa nai (e a túa avoa) que, antes de cumprir co precepto, me veñan traer os ovos e pagar a oblata; entendiches, meniña? - "Entendichín", si señor! O Cura CALDEIRADA, santo e solto, nas misas, nos bautizos e nos enterros, nos responsos, endexamais desaproveitaba a ocasión de pedir (tamén che é ben certo que o necesitaba) que se practicase máis e mellor (con el)  o Mandamento da Igrexa dos "diezmos y primicias".  - Que dixo, hoxe, durante a homilía, o cura, rapaza? - Pois dixo..., dixo..., que ía dicir?, o de sempre, que había que ser bos e paghar a oblata.  - Demo de crego, nas mesmas, non para coas súas, non cambia. Cada proposta, cada medida, cada palabra súa, non acadaba eco; levábaa o vento deseguida. 


  Hai rebumbio no lugar de Louro. Unha boa morea de veciños, plantados (nas horas do serán; é sábado) diante da casa parroquial, enxordecen coa lista de agravios ao crego e á súa criada, e danlle o ultimato: - Fóra, Caldeirada! Fóra! Lisca de onda nós, do igrexario de Vilares, antes de que te collamos polos catro pelos da croa e te arrastremos ata a Revolta do Vento! Fóra, cabrón..! E aínda palabras máis mal soantes e expresión de moito peor contido. 


   Moncho de Perpetua e mais Andrés da Canceliña, ás nove do día seguinte, á Porta de García, diante de toda a veciñanza (porque era domingo), informaron da partida do Cura CALDEIRADA. "E mirade o que foi poñer neste papel de barba o puñetero":  "Y en cualquier lugar que no os reciban ni os escuchen, al salir de allí, sacudid el polvo de la planta de vuestros pies en testimonio contra ellos" (Marcos 6:11). 


  O señor Manolo de García, a quen, en privado, todos lle chamamos PILATOS, entón Alcalde de Barrio e tamén Concelleiro no municipio de Muros, debruzado (coma de costume) na ventá da taberna que mira á EIRA DOS MARCOS de fronte polo lado dereito, lavaba as súas mans (de dedos amarelos) liando o enésimo cigarro da mañá con picadura de "caldo de Ghaliña".  


    (Rioderradeiro)


lunes, 7 de septiembre de 2020

Pepe da Pontella, " O Currachado", "O Mucamo", "O Pibe".

  Aquí, coñéceseme polos alcumes de "O Larpeiro", "O Caldeiradas", e "O Lambuzas"; o máis usual, o primeiro, que vén do meu avó, quen o leva, desde sempre, coma unha aureola. Sen embargo, o meu verdadeiro nome é o de Felipe, que tamén é o propio do pai do meu pai, Felipe Verdeogas (niso tamén coincidimos).

  O meu avó artella chistes, fai bromas, conta sucesos e anécdotas na sobremesa, e, como estamos en familia, detense máis naquelas sucesos cómicos protagonizados por amigos e veciños. A todo lle tira o seu aquel, a súa graza e nada lle pasa desapercibido. El conversa moitísimo co señor Pepe da Pontella (entre nós, na intimidade da nosa casa, dicímoslle "O Currachado", "O Mucamo", "O Pibe", que son alias secretos, pechados tralas catro paredes).

  O señor Pepe da Pontella, metido nos setenta, mostacho abondoso, falas de farturento, loce corpo san e mesmo atlético; pero de cativo fora levado pola súa nai á campa de San Campio e logo, tralo nulo resultado, á Sabia de Baíñas, por mor dos males e doenzas que, ao parecer, non lle presaxiaban demasiadas esperanzas de futuro.  "Señora menciñeira, o meniño non me come, non xoga, non medra, non lle é coma outros, está sempre maliño, leva o meigallo no corpo". A bruxa de Baíñas toma ao raparigo da man, condúceo á trastenda, alí apálpao e, tralo minucioso exame, devóvello á nai: "Váiase ben traquila para a casa, mulleriña, que non lle morre máis, estoulle moi segura". Cando o señor Pepe relata, ao pé da letra, o sucedido, engade tan campante: "e, ata o día de hoxe, sabedes?, ela está acertando."

  Emigrou á Arxentina, alá polos anos vinte. E non lle foi tan mal, se o comparamos con quen o acopañaran. No Río da Prata, despois dunha breve e necesaria aprendizaxe de usos e costumes e de ter pasado pola penitencia de traballos efémeros, acadou o posto de "mucamo" ao servizo da familia Onganía, con sona de patricia. O traballo doméstico, neste fogar "aristocrático", permitiulle descubrirse mellor a si mesmo e de ir desenrolando habilidades que ata entón estaban ocultas ou el descoñecíaas. Os Onganía (ínfulas militaristas de moito ordeno e mando en posición de firmes!) non tardaron en depositar en Pepe, "el Gaxego", a confianza outorgada só aos privilexiados intendentes serios e responsables. Pero coa confianza viña, ao parece, implícita a submisión, a humillación e o insulto, coma por deporte, coma o dereito de pernada, sen o menor motivo: "Gaxego" por aquí, "Gaxego" por alí, "la concha de tu madre", "Gaxello de mierda"... Pepe da Pontella calaba, calaba e calaba, e tomaba nota, apuntaba con cruces de distintos tamaños, por categorías e ben clasificados, todos e cada un dos insultos, nunha libretiña de pastas vermellas mercada con tal fin na "Papelería Mercedes", rexentada por un de Redondela. Á hora de facer contas coa patronal (compensación oculta, inxeniería financeira contable?), onde correspondía, o Pepe da Pontella cobraba os maltratos aculados en pesos arxentinos e, sen tardanza, mandábaos, traducidos en pesetas, a Galiza, que está ancorada, alá lonxe, ao noroeste de España. Unha pequena fortuna.  E ben merecida. 

  - Coño, Pepe, tés unha tos cabrona; véxoche mala cara. - Aínda non ha ser desta, Larpeiro, heiche levar por diante. - Home, si, claro, nada máis natural, hasme levar por diante, pero eu, coa gorra detrás do cu, á ida, e con ela, chantada na cachola, á volta de Vilares. Os dous, así de puñeteros, así "jodedores", así de creativos. Ás veces, a inercia da conversa ou do debate, esgotados os argumentos razoables do humor, poñía a proba os respectivos egos e remataban a conversa de moi mala maneira. Duraba pouco a paréntese do desencontro, pois decontado retornaban ás andadas.  

  Cando se soubo que o señor Pepe da Pontella (a quen a Sabia de Baíñas lle vaticinara que endexamais morrería), entrara, de socato, en estado de coma irreversible, o meu avó non o cría, negábese a admitilo; xa non quixo cear, e, preso daquela profundísima tristura, pechouse no seu cuarto, meteuse na cama para que non o víramos nin o oíramos.  A segunda vez que o vin chorar da maneira, e dou fe diso (como me chamo Felipe Verdeogas, "O Larpeiro", "O Caldeiradas", "O Lambuzas"), foi cando as campás tocaron a morto polo finado do señor Pepe da Pontella, a quen nós, na intimidade da nosa casa, lle dicíamos "O Currachado", "O Mucamo", "O Pibe", que eran alias secretos, tralas catro paredes.

  Ironías da vida, nesa data precisa, un tal Juan Carlos Onganía dá un Golpe de Estado na República Argentina. Non o poño, aquí e agora, por presumir de culto ni por me aproveitar dese acontecemento histórico, senón porque cousas deste tenor axudan moito á memoria do narrador e á do lector interesado en coñecer feitos verídicos. 

  O meu avó non tivo corpo nin valor para acompañar ao amigo ata ao campo santo, esquecendo aquela promesa (ameaza talvez?, non creo) de o levar por diante, pero el, coa gorra detrás do cu, á ida, e con ela, chantada na cachola, á volta de Vilares.  Na nosa casa, despois de tanto tempo, aínda se comenta coma se fose hoxe.

    (Rioderradeiro)

domingo, 6 de septiembre de 2020

Os XANECOS, patrocinadores da orde (e da diplomacia).

2K destapa Mafia Trilogy para PS4, PC, Xbox One y Stadia; primer teaser  tráiler - MeriStation
 
  Dúas advertencias: a primeira, que este relato toma razón e corpo nun acontecemento verídico, na década dos oitenta do pasado século, cando gobernaba Suárez en Madrid e Fernández Albor na Xunta de Galiza; botade vós as contas do tempo transcurrido; e a segunda, que tal como, daquela, fora pensado e posto en letra manuscrita, así volo confío: 

  "O Concello do Grove e o de Vilagarcía, e o de Sanxenxo (por só mentar algúns) son obxecto de roubos cotiáns en farmacias, en xoierías, en comercios..., e ata en bancos, diante de todo o mundo, na forza do día; onde cheirase a cartos ou a material enseguida vendible, alí alentaba a oportunidade do saqueo ou da requisa a punta de navalla ou de xiringa. O gremio de empresarios do Salnés está farto de soportar impunemente unha situación, en por si, vala a redundancia, insoportable. Autoconvocados e autoreunidos co maior dos sixilos, e nun lugar secreto, toman (por unanimidade!) unha medida radical digna dos máis grandes estrategas "que en el mundo han sido". O Presidente e mailo Secretario comarcal, de présa, de anoitecida, antes de que o galo cantase tres veces, contactan coa banda dos Xanecos, persoas honorabilísimas, de palabra, e tamén emprendedores coma eles, para sumaren esforzos na procura da solución dun grave problema que a todos, por igual, ocupa e preocupa.

  O Salnés logo rexistra unha paréntese milagrosa: os cacos e drogatas, de socate, esquecen o argot da delincuencia, locen coma curados das súas dependencias e v¡cios, e, coma arrepentidos, volven a levar unha vida decente. Un milagre! Os Xanecos, segundo se comenta por liña de baixa, teñen o don de se faceren respectar a quen se lles poña por diante; agárrante na rúa, polas boas, lévante, de paseo, a dialogar nun  monte veciño, e alí, no cume, onde o vento mira para o outro lado, convéncente: -man de santo, din os crentes beneficiarios. 

  Os Xanecos (non todos, porque non é necesario expolos a todos á luz pública, só O Pataco e O Bocas, en repesentación da súa sociedade secreta) procesionan baixo palio, avalados por dous ou tres (ou catro) prebostes, cofrades das forzas vivas do Grove, de Vilagarcía, de Sanxenxo, etc., na procura dun recoñecemento humano, social, explícito e dunha colaboración, de poder ser, en metálico ou en especie, como corresponde tratar a quen, sen teren esa obriga no seu regulamento estatutario, por patriotismo, por xenerosidade manifesta, por simpatía, expóndose moitísimo, realizan, heroicamente, un traballo eficaz, mellor que o da benemérita.

    Pero o refrán xa o di: non hai ben que cen anos dure. Esta beatitude idílica foi cousa de catro meses. A venda de tabaco de contrabando dispárase, o consumo de alcohol, de diversas substancias alucinóxenas dispárase, e, salvando miúdas diferenzas na forma, todo se dispara e mesmo empeora. O mundo do taxi vive unha etapa moi florecente, de trafego frenético a Santiago, á Coruña, a Carballo, a toda canta vila hai, ao longo da xeografía galega, por conta de xente viaxeira sen cabeza. Os cartos, é ben sabido, non teñen espiñas e compran, e adormecen conciencias. Por onde andará, por que augas navegará, arestora, a nosa "parapolicía" mercenaria dos Xanecos?

   Veño de prender o televisor. Importante noticia de última hora:  "Unha perigosísima banda de delincuentes narcotraficantes acaba de ser capturada no barrio de Coia, en Vigo. Trátase da coñecidísima banda dos XANECOS, a quen se lles decomisou, en distintos apartamentos da cidade olívica, entre outras substancias ilegais, 300 gramos de heroína, máis de medio quilo de cocaína, dous paquetes de hachis e pastillas que están sendo obxecto de estudo neste momento. Os XANECOS, segundo fontes ben informadas, pasarán a disposición xudicial, unha vez completadas tódalas declaracións e se dea por concluído o atestado. 

  A viciñanza máis consciente e combativa do Salnés, as Asociacións Antidroga da bisbarra e os partidos políticos da opisición estanse a mobilizar e a concentrar diante da Casa do Concello de Sanxenxo para lles esixir aos mandatarios (alí "casualmente reunidos", e, segundo eles din, por motivos ben distintos) as responsabilidades pertinentes. Ao meu carón, un exaltado vén de promover, desde fóra das institucións, mocións de censura a eito e as bandeiras locais (e tamén a Galega) a media hasta, durante tres días, en sinal de vergoña colectiva."

   Ata aquí canto corresponde a unha historia, que nos parece un chiste, e que un pode, aínda hoxe, confirmar, espallado como está o material probatorio polas hemerotecas do país ( Voz de Galicia, Faro de Vigo, Correo Gallego, etc., etc.). En Muros, onde, desde hai unha década, vivo xubilado e repaso as miñas notas de nostalxia, estouche ben seguro de que tal cousa endexamais tería acontecido, nin tan sequera en soños. Que carallo, que nós somos máis listos! Ou non?

    (Rioderradeiro)

sábado, 5 de septiembre de 2020

.- O moralista predicador do LAGARES. _________________________

Río Lagares - Wikipedia, a enciclopedia libre

  - Os políticos? Os políticos, non se salva un, deberían estar todos na cadea, ou seren fusilados. Vigo, a cidade máis importante da Galiza, empeza por onde che veña en gana, unha anarquía, unha desfeita urbanística, unha vergoña; cadaquén cronstrúe onde lle peta, como quere e cando lle sae de dentro, e, logo, nós, os "paghanos", a pagar e a soportar as consecuencias cos nosos impostos. Todos comprados, todiños, sen excepción, desde a esquerda á dereita, comprados, corruptos. En ningunha outra parte do mundo civilizado (nin no noso veciño Portugal) se teñen "mirado" semellantes ilegalidades e  desastres.

  De serán, tirando máis ben á anoitecida, o paseo de orde, non falla. Dous, tres pasos por diante, Bouza, a cadeliña caniche, limpa, peiteada, recendente a flores silvestres de botica. Pepe dialoga formalmente con ela para reclamar a atención dos paseantes do Lagares. Escenifica, en relidade, un monólogo interior provocativo que ten por obxectivo acadar a colaboración de potenciais adversarios que lle entren ao trapo.  As contrariedades e as frustracións de Pepe de Bembrive son moitas e contra moitos, e el vainas collendo, arrastrado e distribuíndo polo guión desde que pon os pés na rúa. Lévase a matar con tódolos rapaces veciños e cos da barriada, "que son uns delincuentes". Os mozotes (e tamén os nenos) irrespéctano, putéano, ou (abertamente) mándano ir tomar por onde poñen as galiñas.

  Está xubilado da Citroën e xa se pode permitir a licenza de botar pestes por esa boca contra a empresa e contra aqueles compañeiros que, segundo di, non o valoraron á altura dos seus merecementos. Alí, polo visto, só medran os pelotas e os dispostos a traballar, santo e solto, polo caldo, e nesa categoría fai mencións expresas por pobos e provincias. Éche ben rigoroso, e ata científico, na súa disertación psico-sociolóxica.

  Coma activista propositivo (un activista, en rigor, pasivo) non está de acordo con ninguén (Alcalde, Presidente da Xunta, Presidente do Goberno Central, Monarca..., Curas, Bispos, Arcebispos, Cardenais, Papas...) nin conforma con nada, aínda que lle veñan de asfaltar o camiño da súa horta con cartos do Concello. É duro de pelar. E bastante complexo.

 - Andrés (nós chamámoslle Millos, o da Guía), que che pareceron as que lle cantei a Caballero, esta mañá, pola Cadea Ser, ás doce do día? Comigo tena clara!

  Casado en segundas nupcias, ten un fillo da primeira muller, estudante perpetuo de Socioloxía na Universidade Pontificia de Salamanca, e unha filla da segunda, alumna do Amor de Dios, unha monada de nena, unha boneca de pura porcelana, os olliños do Pepe (voz de pito, formaliña na casa e, coma as demais da súa idade e condición, bastante desvergoñada fóra), unha adolescente chorona, á hora do xantar coas bágoas debruzando na sopa, de quen non proporcionaremos máis datos amparados na lei de protección de menores. 

  - Este mundo, con semellantes rumbos, vai mal, meu amigo, camiña na procura da súa autodestrución e ruina; porque se perderon a maioría dos valores, Millos, e non se respectan nin se obedecen aos maiores. O Andrés Millos acena coa cabeza, coma un pito bebendo nunha pía de auga bendita, ou, canso de abaixar e de subir a cabeza, economiza esforzos e cala diante del; pero onda nós déixao a caer dun burro.

   Onte, na tertulia do serán, a carón do quiosco de prensa (pechado) do estadio de Balaídos, sen que houbese provocación da nosa parte, o de Bembrive púxose a presumir do chalé que ten en Montecelo. 

   - Conque un chalé, amigo? Coño, ti es rico! - Non, home, non; é un chaboliño que, pouco a pouco, fun ampliando e reconvertindo nunha vivenda mellor que a de Vigo. - Así que esas temos, Pepe, ti predicador (de televexo e de radio, e do Lagares) do que se debe facer e non facer, tamén te saltas os proxectos de obra e as normas urbanísticas, coma se non foran contigo?

  - É un caso distinto, moi diferente, moi natural; fíxeno sen malicia, sen querer, con contratas pequenas, con albaneles e carpinteiros que traballaban durante as vacacións, nos fins de semana, de noite; o permiso que pedira para o garaxe, como xa pasabamos moitas noites alí e xa tiñamos montadas cama e cociña, foinos, pois, dando pé para ampliar, e que ningún cabrón se atreva a meterse na miña vida, coño!, se quere seguir vivo, hostia! O que me faltaba, "joooodeeeerrrr", que o mato, que lle meto as mans na ghorxa, que lle aforco o respiro!  

    (Rioderradeiro)

jueves, 3 de septiembre de 2020

Desde a ATALAIA (Campo de Cortes),



- Desde a ATALAIA (Campo de Cortes), desde o cume, como o seu nome proclama, alcanzo a derramar a mirada sobre A Cova, sobre a parte máis substancial da Ría de Muros, sobre o Barbanza (telón de fondo, desde Noia, desde Lousame a Corrubedo), sobre a península de Monte Louro (á dereita), que vixía e controla a fartura de mar, o mar maior na súa plenitude.
Cando, arestora, desde aquí, contemplo con degoiro a gloria da paisaxe, penso naquel amigo (finado xa) que emocionadamente me falara do penedo onde, neno el, adolescente el, na recén inaugurada mocidade el, sentaba a deseñar, a imaxinar, o seu futuro de camiñante libre, a voar polo mundo. O infortunio, sen embargo, puxo no seu camiño aqueles atrancos e limitacións que fixeron imposible volver fisicamente ao lugar preferido para reactivalos.
Poño, pois, os meus ollos, é un dicir, á súa disposición, miro por el e trato de substituilo, na procura dun tempo, en por si, seino moi ben, irrecuperable. Pero así é a vida: recordar e soñar, e no medio, o presente continuo, conformado por intres sucesivos, volátiles, fuxidíos; porque o presente, benqueridos amigos e amigas, é un hiato entre o foi e o será, coma quen dis, entre a memoria e a imaxinación que constrúe castelos sobre area.

(Rioderradeiro)

O asubiador de Balaídos.


A imaxe pode conter: 1 persoa, ao aire libre e auga


O asubiador de Balaídos.
______________________

A importancia deste individuo radica na súa carencia de importancia. Voz, a súa, como reforzada con folla de lata por cravos e chatolas; fisicamente, anódino, un setentón eivado, gordecho, tirando a pequeno; andares propios dun remador a ritmo de pé quebrado, por culpa da parálise de medio corpo que o sorprendera e castigara na puberdade. Exprésase, doutoral, coa man esquerda e tamén exerce con ela o control da dereita e trata de disimular aquela ineptitude operativa gardándoa no peto.
Tratemos de estudalo e de coñecelo (por dentro, máis a fondo) en función dos seus propios actos: ancorado no pasado franquista, é un ser oblicuo, repugnante, facha, arrastrado, nostálxico adulón dos poderes fácticos, agradecidísimo da misericordia recibida da man dos xerarcas benefactores (alcalde, xuíz, obispo, cura, coronel...) que, de cando en cando, lle tiraban un aceno, unha esmola (un patacón á gorra), que lle pasaban unha man polo lombo, cousas así de xenerosas e de dignas . E, sen embargo -segundo me contan, porque, antes de retratalo con pelos e sinais, asesóreme ben-, este "pico de loro" dispón de dons e de ferramenta pouco comúns e ten sona de hipnotizador de mulleres avariadas, necesitadas de afecto ou de compañía. No noso rueiro, hai homes (sans!) de pelo en peito que (en razón diso) o envexan, e que ata o admiran.
Fuma, decontino fuma pitos de picadura, e tamén fuma en pipa; pero, ao mesmo tempo, non para de falar e de asubiar filtrando o asubío, ao natural, por entre os dentes, para reclamar a atención de quen o escoite (en particular do sexo feminino) de lonxe e mais de cerca, coma quen lle dá de comer farangullas ás galiñas. Por iso, e polo cheiro da súa pipa, é todo un personaxe, pese ao seu lado escuro.
Velaí, na forza do día, só, apousado nun sentadoiro de merendar para catro persoas, á beira do río, a carón dos patos e dos coellos que pastan herba vizosa sen lle ter medo á xente. Hoxe é festa grande, vai haber carto fresco; porque toca partido: Celta contra Benfica. Consulta o seu reloxo, chanta a boina na croca, ergue, bótase, con toda a dignidade do mundo, a desandar o camiño que o regresa a Balaídos onde el, veterano (a veteranice é grado de sarxento para arriba), armado de chifre, exerce (polo oficio) de xefe da confraría dos "gorrillas" , comandando (dunha maneira explícita, a toque de silbato) a distribución de espazos de estacionar vehículos na Avenida Citroën. Así (ou en parte así) se gana Amadeo, coma un caporal, o respecto..., e a vida.
Arestora, na amencida, de socate, escoito o característico (non o metálico), o persoal, de maneira insistente, repetitivo, o provocador asobío do vocacional amante de vellas princesas que pasan pola alfombra de espiñas dun desamor ou por un mal trago. O reclamo esixente parte da fiestra aberta, a da luz prendida do Portal 2, do eivado do 4º B do edificio de en fronte. Amadeo Troncoso (ou Teodoro Troncoso?, debía confirmalo) debruza, pola soleira, a súa faciana de sátiro, o seu arpexio verderolo (ás veces tamén se esconde, de présa, e apaga a bombilla) na procura de agarrar polo aire a aura da muller nova (veciña del) que está a punto de coller o autobús para o traballo, da mociña (veciña del) que vai para I.E.S. do Alexandre Bóveda, da adolescente, da nena..., das fillas dos demais, pois endexamais construíu familia. Unha a unha, a punta de chifro, a todas elas desvísteas coa vista, e queda tan campante.
Amadeo! Onde vas Amadeo? Quen, presuntamente, "ama a Deus", que non o amas, que non o temes, que non o respectas, nin te respectas a ti mesmo. Miserable asubiador, cabrón de sete solas!
(Rioderradeiro)

martes, 1 de septiembre de 2020

EN TERCEIRA, ROMBO A EUROPA.

Descrición da foto non dispoñible


A).- Cadroume asistir á chegada dun tren ateigado de emigrantes españois, en pleno inverno, á estación de Xenebra. Estamos a falar do ano 1970, cando se facturaba xente e se etiquetaba cun cartel no peito, como se fosen productos nun mercado, sacos de patacas ou bois ao matadoiro, algo tétrico. Pero quedei máis impactado ao ver o desprezo con que eran recibidos e tratados pola indiferencia duns e polo mal xesto doutros; nunca esquecerei o desprezo activo daquel vello Suizo que cuspiu, diante de min, ao paso daquela comitiva de escravos da inxustiza. Logo vin cosas aínda peores; outro día, se cadra, cóntoas. O cabreo non son quen do arrincar da cabeza, e xa choveu desde entón, creo.
*************************
B.- A que tempo nos retrotrae ou me leva personalmente a imaxe? Poñamos que estamos a falar de comenzos do inverno de 1970 do pasado século. Saímos de Santiago de Compostela, sobre o mediodía (creo), nun ferrocarril de terceira, lento, de carbón, pobre en comodidades, é dicir, elemental, bancos de madeira, onde os viaxeiros, amontoados nos corredores por falta de espazo e acomdo nos compartimentos, viaxan de pé, amontoadas. Imos cara a Ourense. Na Cidade das Burgas baixamos, coma foguetes, e, acto seguido, tratamos de embarcar no convoi destinado á chegar á fronteira (Irún). Tomámolo, a toda présa, por asalto: nós accedemos ao interior do tren, a empurróns, pola porta e os vultos e as maletas ingresan, como aquí se ve, pola fiesta; aquelo era ir á aventura, coma unha estampa de desterro protagonizada por xente nova, en certo modo, forza de traballo sobrante. A foto, esta foto, é a chave que, arestora, desperta en min aquel tempo e aquela indignación que me acompaña e contextualiza no duro tema das migracións, fronte á xenofobia rampante, sen conciencia, e tan desmemoriada.

AS TRIBULACIÓNS DE AMBROSIO (emigrante retornado)




Ambrosio. Preséntovos a Ambrosio, a Ambrosio Rodríguez (nome autético, apelido presunto), o “alemán”, que así lle chamamos os veciños. Ambrosio é rubio, de estatura media, boa presenza, boas formas no trato, pouca formación, pensamento primario.

Ambrosio é ourensán, de Nogueira de Ramuínde, onde os Baltar, desde o ano cataplún, exercen mando en praza. De rapazote, tralo servizo militar obrigatorio, fora probar fortuna a Barcelona; pero é logo, de casado, cando el e a súa dona deciden emprender a aventura de iren os dous traballar a Alemaña.

Os primeiros tempos alí, por dicilo abreviado, son durísimos: Ambrosio habita un barracón comunitario de homes e Matilde comparte un habitáculo (tamén de madeira) pensado só para mulleres; non hai, polo tanto, vida de parella, pois están sometidos a estrítas normas de inspiración economicista, espartanas. Superada a devandita proba, ao cabo duns dous anos daquela escravitude, acceden a un mellor status con contratos de traballo máis flexibles e máis coherentes coa dignidade humana.

Témolos, de volta, agora, aquí, en Vigo, radicados na rúa Ponte da Veiga, pensionistas cun nivel de ingresos envexado por moitos. No país teutón deixaron ao fillo maior, afable, unha monada de rapaz, aros nas orellas, pelo pintado coas cores do arco iris que, de cando en vez, os visita e comprace, sempre acompañado dun amigo especial e moi ben parecido. A nena (porque teñen unha filla), unha xove romántica (de psiquiátrico o seu namoramento), para nada estudosa, está enganchada a un mozo maltratador, segundo el me confesa.

Ao meu veciño Ambrosio, sen embargo, véxoo moito máis preocupado polo fluxo migratorio de “sudacas e negros” e polas liberdades sexuais entre os do mesmo sexo que pola propia vida: “Esta xente de fóra -coméntame- veñen onda nós para se aproveitaren do noso sacrificio”. “E que dicir deses gays e desas lesbianas que, por enriba de seren como son, esixen dereitos e liberdades que Franco endexamais tería tolerado”?

Pois nada, replico para min, despois de ter recuperado o alento: non estou preparado; por unha banda, ti, Ambrosio, xa ves e, pola outra, que queres que che diga?
(Rioderradeiro)

Albino Fernández, “o socialista, non socio listo”.

A imaxe pode conter: dog, calzado e ao aire libre

Albino Fernández, “o socialista, non socio listo”.
____________________________________
Escóitalo falar de comer e de beber e, no intre, a fame e a sede, no teu corpo, despertan. El daba, coma min, acompañado do seu can (en realidade, unha cadela), longos e demorados paseos pola beira do río Lagares, no traxecto que leva de Balaídos a Samil, que vén sendo coma ir desde Muros a Louro, ou viceversa.
Conversador natural, persoa ocurrente e simpática, un tipo, en realidade, estupendo, falaba e coñecía á maioría dos viandantes e con eles intercambiaba unha palabra amable, unha confidencia, un aceno. O Albino, Albino Fernández, ofrecía (de balde) as súas solucións aos problemas do país e da xente. Eran solucións, como é ben normal, executivas, simples, inmediatas, rotundas, como deben ser, eficaces, a problemas complexos. Albino non é partidario de atenuantes nin de eximentes; el profesa a doctrina de que quen a faga que a pague, sen tardanza e sen lle dar moitas voltas. O principio de autoridade ha quedar salvagardado coa chave maestra da lei do talión exercida por algún cabovara.
Detrás da risoña fachado do Albino Fernández (“al vino”, coma lle gusta matizar) hai unha historia persoal fraguada e pintada coa dor das carencias: fillo de solteira, a súa figura materna era a da avoa que, daquela, exercía a venda ambulante polas casas, polas feiras e polas romarías. “Albiniño, ergue, homiño, ergue, que xa se nos fai tarde!” O primeiro bocado, na taberna do Grilo, era unha copa de auga ardente. “Toma, filliño, toma, que a caña quenta o corpo, da forzas e hache matar as lombrigas!”
A outra parte da infancia, toda a adolescencia e a primeira xuventude viviuna o Albino ao servizo do tío Rafael, no Bar Sentinela do Berbés, levando e traendo recados e servindo bocatas e tazas de viño. Alí, nesa escola, el aprendiu a base de hostias, de patadas no cu e de castigos corporais variados (de xeonllos no chan) diante da clientela. Alí soubo (que remedio!) esquivar as trampas que o tío político lle tendía para estar seguro de que non lle roubaba.
Afeccionado ao fútbol, directivo dun pequeno clube da cidade de Vigo, casado xa, home feito e dereito xa, despois de ter pasado pola peneira da Citroën, cun pequeño negocio na barriada do Calvario, chega á Cidade Olívica don Santiago Bernabeu e o Albino (entre os convidados de honra) asiste ao xantar de homenaxe ao Presidente do Real Madrid. Queda alucinado: “ Don Santiago, boísima persoa”, e a súa muller, dona María, ai!, unha santa, igualiños ca nós; cantos bicos e abrazos, na sobremesa, tralo café e copa!”
Albino Fernández, segundo me confesa sen mediar a pregunta, é socialista de corazón de toda a vida (“non socio listo”, matiza el): “Aquí facíanos moita falta outro Franco -di, así, polo claro- que dera ben duro, que volvera a limpar o país da borralla, que restaurara a pena de morte. Hoxe non hai medo ningún á autoridade da policía, da garda civil; que tempos aqueles, os nosos, cando un se levantaba para saudar aos corpos de seguridade con educación e respecto, sacaba a boina da cabeza e lles cedía o paso e o sitio!”
Albino ten muller, ten fillos e ten netos e pensa (di que pensa) que o futuro se escribe dereito coas raias torcidas. Por iso é “socialista, non socio listo”, conclúe. E vai sobrado de razón, non vos parece?

(Rioderradeiro)

sábado, 22 de febrero de 2020

Ao benquerido amigo BALTASAR UHÍA PARÍS, in memoriam:




  Hei de lle restar á data actual 64 anos e uns 8 meses. Foi no 1955, en setembro do 55, para ser máis preciso, nas terras de Rosalía e de Macías O Namorado, cando souben da existencia de Baltasar Uhía París. Antes non. Entón, as distancias medíanse pola tardanza en chegar a algures e pola incomodidade dos camiños. Entre Louro e a Virxe, daquela, mediaba un universo. 

  Andaba a rebuldar pola zona de recreación un rapaz miúdo, inquedo, falador, chistoso, ocurrente... - Quen é?, pregunto. - É o "irmán" Baltasar, do segundo curso; é de Muros. Así, nese intre, sen me decatar, aprendín o seu nome, quen era e que a súa procedencia coincidía coa miña. Pero no Colexio (Seminario Seráfico Franciscano) de Herbón-Padrón os horarios da vida cotiá non ofrecían demasiadas oportunidades para a leria; porque, desde as 6 da madrugada ata as 11 da noite, a distribución e uso do tempo viña claramente regulamentado e sometido a unha seria disciplina de traballo intelectual (no salón de estudo e nas aulas), prácticas relixiosas, limpeza, etc. Había unhas dúas horas de lecer, adicadas ao deporte (con preferencia ao fútbol), a pasear, a conversar cos compañeiros de clase, variando de contertulio, non sempre cos mesmos..!; terminantemente prohibido falar fóra do expresamente tipificado (nin no comedor, o chamado refectorio), pois a lei do silencio obrigaba e comprendía a maior parte da xornada.    

  Pouco falei alí, moi pouco, con aquel Saro tan divertido, que, por enriba era dun curso superior ao meu e tampouco tardou en voltar para a súa casa da Virxe do Camiño. Cando me decatei da súa ausencia (as marchas eran clandestinas) xa pasaran semanas. 

  Ben entrada a década dos 60 aos 70, o reencontro resulta inevitable, habida conta de que os dous nos movemos dentro do espazo vital do noso concello e da nosa contorna; sen embargo, a vida laboral de Baltasar Uhía París asentábase e collía rumbo seguro, mentres que a miña estaba por se construir abrindo algún camiño de proveito. Como se ve, non tivemos as mesmas amizades nin coincidimos na maioría das nosas teimas e preferencias. Pouco importou eso; nada nin ninguén impediu que se fortalecese aquel vínculo común (sementado) que nos proporcinara a chave herbonense para abrir as portas da empatía, do aprezo mutuo, do respecto, do afecto, da irmandade desinteresada; porque, así, de "irmáns" nos tratábamos en cada oportunidade, en serio e mais en broma. 

  Estes últimos anos, os da vellez, que foxen do ilusorio e non buscan aplausos nin premios, contribuiron a afondar a autenticidade, a aflorar, como deixo dito, o mundo dos afectos e por iso, xa finado, sen pudor, non me costa dicilo, benquerido amigo BARTASAR UHÍA PARÍS, que me doe deixar de verte e ter que restaurarte, tal como eras, vivo e vivaz, no eido da miña memoria onde ocuparás espazo reservado. 

  Hoxe, arestora, ao cambiares de plano coa cabeza alta, copio e pego, sen permiso, unhas palabras da túa filla Ali: "era un gran tipo, un gran pai, un bo home..., e, sobre todo, un gran avó". Eras -afirmo con seguridade absoluta, pola miña conta- amigo dos amigos, dos veciños, de todos e de calquera; non tiñas inimigos. Si, señor, un gran tipo.

 (Manuel María Pena Silva)

martes, 30 de septiembre de 2014

sábado, 9 de marzo de 2013

Virollo de don Pelaio.

"Se decomisaron los 15.425 kilos de xarda que tenía el Xantoque, que fueron subastados en la lonja de Gijón y la recaudación está retenida en tanto no se resuelve el expediente abierto. El patrón mayor, Daniel Formoso, explicó que los sensores del barco que marcan el peso están averiados y que la tripulación decidió traer el pescado a tierra para venderlo en 2 días. Y se quejó de la situación del arrastre: «Queren acabar cos pescadores» (http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2013/03/09)

Virollo de don Pelaio
pesou, na lonxa, en Xixón
xusta xarda nun caixón
con balanza do carallo.

En protestar polo fallo
Xantoque leva razón.


           ******

Fixéronlle o decomiso
os traidores de Xixón,
ninguén lle dera ese aviso,
non contaban co permiso
para abordarlo a traición .

En protestar -volta ao inciso-
Xantoque leva razón.



(Rioderradeiro)


martes, 15 de enero de 2013

José Marcelino Figueiras García (+)

"Multitudinario sepelio del cronista de Muros josé Marcelino figueiras garcía.



14 votos

En los actos fúnebres participaron 150 sacerdotes. SANDE
Por J. M. Sande.

BARBANZA
Multitudinario sepelio del cronista de Muros
SANDE MUROS / CORRESPONSAL

14 de enero de 2013 05:00

En los actos fúnebres participaron 150 sacerdotes. SANDE
Los restos mortales del sacerdote y cronista oficial de la villa de Muros, José Marcelino Figueiras García, recibieron sepultura ayer en el cementerio de A Atalaia. Las honras fúnebres en su honor estuvieron presididas por el arzobispo compostelano, Julián Barrios, y al acto eucarístico fue concelebrado por unos 150 sacerdotes. Los alcaldes de Muros y Porto do Son, así como representantes políticos de los concellos de la comarca y del municipio de Negreira, donde el difunto regentaba dos parroquias, estuvieron también presentes en las honras fúnebres. También se sumaron sanitarios del hospital de Santiago, donde ejercía como capellán,
El templo parroquial de Muros no dio cabida a la multitud de personas que querían testimoniar su agradecimiento y despedida al popularmente conocido como Pepe de Muros. Lo inesperado de su muerte y el recuerdo de la labor realizada por José Figueiras fueron los grandes reclamos que concentraron en la villa a numerosas personas, muchas provenientes de localidades foráneas y, en especial, de la ciudad del Apóstol.
El arzobispo, en su homilía, glosó algunas de las características personales y pastorales del presbítero fallecido, destacando su disponibilidad para atender a cuantas tareas se le encomendaban, y también a todas las necesidades que cualquier feligrés le planteaba, especialmente en su labor en el hospital.
Un sacerdote muradano, amigo y compañero del fallecido, también hizo una glosa de su periplo vital que, según dijo, siempre estuvo presidido por su amor a Muros, su simpatía y el optimismo con que emprendía cualquier acción. Entre los méritos que, a criterio de la corporación local merecieron el nombramiento de cronista oficial de Muros, destacó su labor por recuperar el patrimonio religioso del concello. En este ámbito, recordó la labor emprendida por el también conocido como Pepe da Xelota, en la capilla de San Pedro, en la ermita del Espíritu Santo, o en la restauración del santuario de San Marcos.
.